← Volver a FAQ IA

A IA xerativa pode substituír a un programador?

Daniel García·

Esta pregunta fanma sobre todo clientes que dubidan se de verdade precisan contratar unha axencia ou se poden “facelo con IA” directamente. Entendo, calquera que vise a ChatGPT escribir unha función en segundos fíxose esa pregunta.

A IA xerativa escribe código razoablemente ben cando o problema está ben delimitado e se parece a algo que xa existe miles de veces en internet: un formulario de contacto, unha función que ordena unha lista, un compoñente típico. Aí si aforra tempo de verdade, e na axencia usámola para iso constantemente.

O que non fai ben, aínda, é entender o contexto completo dun proxecto real: por que esa API devolve os datos nese formato tan raro, que decisión de hai dous anos segue condicionando como se pode tocar tal compoñente, ou que vai pasar co rendemento cando ese cliente pase de 50 a 5.000 usuarios. Iso require alguén que entenda o negocio detrás do código, non só o código.

Hai un exemplo que uso moito: pedirlle a unha IA que “arranxe un bug” nun proxecto grande sen darlle máis contexto có mensaxe de erro. Ás veces acerta. Moitas veces propón unha solución que fai desaparecer o síntoma pero deixa o problema real intacto, ou peor, introduce un problema novo noutro sitio do código que ninguén revisou.

Entón, substitúe a un programador? Non ao programador que sabe o que está a facer. Si pode substituír, co tempo, a parte máis mecánica e repetitiva do traballo, e de feito xa o está facendo, o cal cambia que habilidades paga a pena ter. Un desenvolvedor que sabe revisar, corrixir e decidir que código xerado por IA paga a pena usar, vale máis agora ca hai tres anos. Un que só copia e pega sen entender, non.

Se no teu negocio te propós prescindir de desenvolvedores por isto, a pregunta que che faría é quen vai asumir a responsabilidade cando algo falle en produción un sábado pola noite. Esa parte, de momento, segue sendo humana.

iaprogramacion