← Volver ao blog

Como eliximos o stack para un proxecto novo (sen caer na moda)

Daniel García·

Cada vez que arrinca un proxecto novo na axencia, alguén propón probar a ferramenta de moda. Este ano tocou un framework novo cada dous meses, e a verdade, xa nin me molesto en aprender todos os nomes.

A pregunta que de verdade importa non é “que usan as empresas grandes”, é “quen vai manter isto dentro de dous anos e con que orzamento”. Iso descarta bastante rápido opcións que soan ben nunha charla pero que esixen un equipo dedicado só para telas actualizadas.

Para un cliente pequeno cun catálogo de produto e pouco tráfico, monto un sitio estático con Astro e xa está. Para un CRM con lóxica de negocio real, Symfony por detrás e un front en Vue, porque é o que coñecemos ben e o que podemos depurar ás dúas da madrugada sen repasar documentación. E si, algunha vez preguntáronme por que non usamos o framework de quenda, e a resposta curta é que non teño ningún cliente ao que iso lle vaia resolver un problema que non teña xa resolto.

Isto non sempre é certo, ollo: hai proxectos onde si merece a pena entrar en terreo novo, sobre todo se o cliente ten equipo técnico propio que vai herdar o código e prefire algo máis moderno. Aí o cálculo cambia, porque o custo de aprendizaxe asúmeo alguén que ten tempo para iso.

O que non fago nunca é elixir stack na primeira reunión. Primeiro pregunto canto tráfico esperan, quen vai tocar o código despois da entrega e se hai integracións obrigatorias (pasarela de pago, un ERP concreto, o que sexa). Con esas tres respostas xa se descartan a metade das opcións “interesantes” que anotara.

Ao final a lista de tecnoloxías que usamos na axencia é aburrida a propósito: Astro para estático, Vue e Nuxt para aplicacións con máis lóxica, Symfony de backend. Nada que non leve uns anos en produción nalgún sitio serio. E cando algo novo demostra que resolve un problema real que temos, entra na lista, pero entra despois de telo probado nun proxecto interno, non no primeiro cliente que paga por iso.

A próxima moda que vou ignorar durante seis meses antes de miraa en serio? Xa hai unha candidata, pero prefiro non dar ideas.

stackarquitecturadecisions-tecnicas