← Volver ao blog

Astro vs Next vs WordPress: cando ten sentido cada un

Daniel García·

Un cliente escribiunos hai pouco preguntando se debía “pasarse a Next.js porque llo recomendara un amigo que programa”. Non tiña nin blog nin catálogo de produto que cambiase a diario. Total, que a conversa acabou sendo sobre que precisaba realmente o seu negocio, non sobre que framework soaba mellor nunha cea.

WordPress segue sendo, para a maioría dos pequenos negocios que nos piden unha web, a opción correcta. Se precisas que o propio cliente edite textos, suba fotos de produto ou publique entradas sen depender de nós para cada cambio, WordPress ben configurado, cun tema decente e sen corenta plugins innecesarios, fai ese traballo mellor que calquera alternativa moderna.

Astro entra cando o contido cambia pouco e o que importa é velocidade e que non haxa nada que se rompa só. Usámolo para sitios de presentación, landing pages e, cada vez máis, para blogs con contido versionado en Git no canto dun panel de administración. Unha peixería con venda de produto fresco que levamos, por exemplo, funciona así: ninguén entra nun backend a tocar nada, o sitio xérase e publícase só.

Next.js resérvámolo para cando fai falta interactividade real: un dashboard, un formulario con lóxica complexa, algo que precise estado no cliente e non só páxinas que se len. Se a túa web é basicamente contido, meter Next é como mercar unha furgoneta de reparto para ir mercar o pan.

Dá igual cantas veces o repita: a pregunta non é que tecnoloxía é mellor en abstracto, é que precisa este proxecto concreto dentro dun ano, cando xa non esteamos a falar de lanzamento senón de mantemento. Aí é onde un WordPress mal mantido se converte nunha dor de cabeza de plugins desactualizados, e onde un Next.js sobredimensionado se converte nunha factura de hosting que ninguén esperaba.

A ese cliente montámoslle, ao final, un WordPress cun tema a medida. Tres meses despois escribiunos para dar as grazas por non lle vender algo máis “moderno”. Esa parte si que non a esperaba.

astronextwordpress