É legal usar contido xerado por IA na web do meu negocio?
Hai un par de meses un cliente que vende roupa en liña preguntoume se lle podiamos xerar as corenta fichas de produto da vindeira tempada con IA en vez de contratar outra vez ao fotógrafo. Ía aforrar uns 3.000 euros e dúas semanas de espera. Díxenlle que si, que tecnicamente se pode facer, pero que “legal” e “sen problemas” non son a mesma pregunta, e aí tiven que investigar máis do que esperaba.
A parte do copyright é máis sinxela do que parece: en España e na UE, algo xerado enteiramente por unha IA sen intervención creativa humana non xera dereitos de autor sobre esa peza, ninguén é “autor” no sentido legal. Iso non quere dicir que sexa de dominio público automaticamente nin que o poidas usar sen máis: depende das condicións de uso da ferramenta. Midjourney, por exemplo, dálle a propiedade comercial ao usuario de pago; outras ferramentas retéñena ou compárteno. Antes de meter unha soa imaxe xerada na web dun cliente, reviso as condicións da ferramenta concreta que usamos, non dou por feito que todas funcionen igual.
Pero o que de verdade preocupa non é tanto a propiedade intelectual. É o parecido. Expliqueille ao cliente que un xerador de imaxes pode cuspir algo que se pareza demasiado a unha foto de stock xa existente, a unha peza cun patrón rexistrado, ou (o peor) a unha persoa real recoñecible, e aí si hai risco de infracción ou de dereitos de imaxe, aínda que a ferramenta che diga que a imaxe é “túa”. Co texto pasa algo parecido: se lle pides a un modelo que escriba a ficha técnica dun produto e inventa unha certificación ou unha prestación que o produto non ten, o problema legal xa non é de propiedade intelectual senón de publicidade enganosa, e ese sí que cae directamente sobre o cliente.
Ao final decidimos un termo medio: xeramos con IA o fondo e a composición das fotos de produto, pero a peza en si segue sendo unha foto real superposta, e calquera texto xerado pasa por unha revisión humana antes de publicarse. Nada de inventar características, total, que non paga a pena aforrar un fotógrafo para gañarte unha demanda. Nós mesmos usamos IA para as cabeceiras deste blog, o propio código que xestiona esta web xéraas automaticamente cando publico un artigo novo, e non lle vexo ningún problema porque son ilustracións abstractas, non fotos de produto nin de persoas, e ninguén as confunde con algo real.
Hai outro ángulo do que case ninguén fala: se un cliente che pide que non menciones en ningún sitio que o contido é xerado por IA, e logo alguén o descobre, o dano reputacional adoita ser maior que calquera problema legal de fondo. Eu non son avogado e non dou isto como consello legal pechado, cada caso depende da ferramenta, o país e o uso concreto, pero sí me serve como regra de andar por casa: canto máis se pareza o xerado a algo ou alguén identificable, máis preto do problema estás, sexa legal ou simplemente de credibilidade.